Domingo 1 Maio 2016 12:00 desde Ravella. Participación libre
MANIFESTACIÓN. CONTRA A POBREZA SALARIAL E SOCIAL: TRABALLO E DEREITOS
Convocada por UGT, CCOO Y SAL— A CORUÑA. Saída ás 12 h da praza da Palloza.
— FERROL. Saída ás 12 h do Inferniño.
— SANTIAGO DE COMPOSTELA. Saída ás 12 h da Alameda.
— LUGO. Saída ás 12 h do edificio de sindicatos.
— VIVEIRO. Saída ás 12:3 0h do edificio sindical.
— OURENSE. Saída ás 11:30 h do pavillón dos Remedios.
— VILAGARCÍA DE AROUSA. Saída ás 12 h da praza de Ravella.
— PONTEVEDRA. Saída ás 11:30 h da praza da Ferrería.
— VIGO (acto central). Saída ás 11:30 h do cruzamento da vía Norte coa rúa Escultor Gregorio Fernández.
MANIFESTO
MANIFESTO DO 1.º DE MAIO DE 2016
-- CONTRA A POBREZA SALARIAL E SOCIAL: TRABALLO E DEREITOS --
O NOVO CICLO ECONÓMICO E POLÍTICO
A economía mundial segue ameazada por episodios que evidencian a inestabilidade, a fraxilidade e, sobre todo, a enorme incerteza sobre a súa evolución tanto no futuro inmediato como a medio prazo.
Unha situación de incerteza que se reflicte en fenómenos como a desvalorización do yuan e a situación económica xeral de China; os graves problemas en países emerxentes moi relevantes como Brasil, en profunda recesión; os problemas de Rusia, derivados en parte da evolución do prezo do petróleo e as consecuencias do conflito en Ucraína; ou a falta de dinamismo económico na eurozona.
A isto engádense as dúbidas que xurdiron nas últimas semanas sobre a situación real do sistema financeiro e, en especial, dalgunhas entidades sistémicas de Alemaña ou Francia. Pasou case unha década desde que no verán de 2007 empezaron a manifestarse os problemas que corroen o sector financeiro mundial, e seguimos practicamente con eses mesmos problemas de fondo. A hipertrofia financeira e o papel dominante do monetario sobre a economía real; os desequilibrios entre áreas xeográficas que xeran fluxos de capital enormes e crecentes; a desigualdade social que debilita a demanda interna ao tempo que xera enormes riquezas nas mans dunha minoría que busca rendibilizalas en mercados especulativos e de curto prazo; a globalización sen normas nin controis, en especial do capital financeiro… Velaí as razóns estruturais da inestabilidade económica desde hai trinta anos. Ningunha delas foi atallada, polo que esa inestabilidade vai continuar.
A economía da eurozona saíu da recesión pero segue enferma, cun crecemento económico raquítico, cunha inflación case en negativo e cunha taxa de desemprego nos niveis máis altos da súa historia. A UE continúa atada ao estancamento económico a longo prazo, porque seguen dominando as políticas de austeridade da Comisión Europea. As relacións económicas impostas polas elites camiñan nunha Europa a dúas velocidades: a Europa dos ricos e a Europa dos países do Sur. É necesaria e posible outra política económica e social, como vimos esixindo desde as organizacións sindicais.
A crise do proxecto europeo faise máis fonda; á aplicación das medidas de austeridade e recortes sociais contra a maioría das clases traballadoras —que teñen efectos devastadores para o emprego e aumentaron a pobreza e a desigualdade—, hai que sumar o conflito de Ucraína, a guerra en Siria, o ascenso electoral da ultradereita no centro e norte de Europa, a denominada «crise dos refuxiados» —que cuestiona o dereito de asilo e refuxio—, a reforma laboral contra os traballadores e traballadoras en Francia, as concesións ao Goberno do Reino Unido para o referendo, os criminais atentados contra os dereitos humanos e a democracia de París, Ancara, Bruxelas, etc., debuxan un panorama que, aproveitando o clima de seguridade antiterrorista, está a supor un aumento do racismo e a xenofobia e un recorte das liberdades democráticas.
Se non se adoptan medidas para corrixir esta grave crise do proxecto europeo, frustraranse as aspiracións sociais e democráticas das clases traballadoras: maior democracia, máis igualdade e máis dereitos laborais, sociais, políticos e de cidadanía.
ESIXIMOS UN CAMBIO URXENTE
O rexeitamento sindical ás políticas de duro axuste, austeridade e recortes no Estado social, de desvalorización salarial e de reformas laborais regresivas adoptadas durante estes últimos anos, levouse a cabo utilizando todos os instrumentos ao noso alcance para defender os intereses dos traballadores e as traballadoras, e facendo fronte a un ataque indiscriminado contra a esencia mesma do sindicalismo.
Agora abriuse un cambio de ciclo económico que debe ir acompañado dun novo período político. A economía española entrou nunha fase de crecemento que require dun xiro estratéxico para consolidarse.
UGT e CCOO esiximos unha nova política que sitúe en primeira liña a recuperación do emprego estable, dos dereitos económicos e laborais arrebatados aos traballadores e traballadoras e a mellora das condicións de vida e de traballo no prazo máis curto posible.
A desigualdade aumentou en España pola crise e, sobre todo, polo xeito de xestionala, ata converter este país no estado europeo con maior desigualdade entre ricos e pobres. A sociedade española que sae da recesión é máis inxusta.
Aumentou o número de persoas e familias en risco de pobreza. A taxa de cobertura das persoas desempregadas caeu en picado, e é o reflexo do insoportable aumento da desprotección ás persoas que pagaron o prezo máis alto da crise: perder o seu traballo.
A falta de emprego é o principal problema da sociedade española. Xente parada, traballadores e traballadoras pobres corren o maior risco de exclusión. Cómpre unha distribución máis xusta da riqueza xerada entre salarios e beneficios para alcanzar o modelo social e democrático que defendemos os sindicatos.
En Galicia, a degradación social e laboral tamén resulta evidente: 164.000 persoas perderon o seu emprego nestes últimos sete anos e as que o conservan sofren cada vez máis precariedade: a xornada parcial (non escollida no 64 % dos casos) e a contratación temporal (unha de cada catro persoas asalariadas) son dúas agravantes nas deterioradas condicións laborais.
O sistema de protección por desemprego cobre cada vez a menos persoas: o 47,6 % das paradas e parados con experiencia laboral inscritas no SEPE non reciben ningunha prestación.
A situación de moitas familias galegas é extrema: hai 75.100 fogares con todos os seus membros activos en paro e en 32.800 xa non perciben ningún tipo de ingreso.
O papel do sindicalismo é fundamental nesta repartición primaria da renda, porque a negociación do salario —no convenio colectivo— é un instrumento esencial para construír unha sociedade xusta, democrática e social.
As elites económicas e políticas europeas aproveitaron a crise para levar adiante un ataque sen precedentes ao modelo social europeo. Agora, na saída da recesión, os sindicatos, cos traballadores e traballadoras, debemos recuperar os dereitos sociais perdidos, recuperar os servizos e as prestacións públicas, reverter os recortes habidos na sanidade, a educación, os servizos sociais, o sistema de protección ao desemprego, o sistema público de pensións.
Por todo isto, neste 1 de Maio, CCOO e UGT esiximos un cambio urxente na política económica no noso país, que poña no centro a creación de emprego estable e con dereitos, e a loita contra a pobreza e a desigualdade social e salarial, a partir de incrementar o investimento público e pór en marcha un cambio de modelo produtivo, sustentable e equilibrado. Para iso, reivindicamos as seguintes actuacións:
— Impulsar un plan de choque para o emprego, en todas as súas dimensións (parados/as de longa duración, xuventude, mulleres, emprego público, formación, servizos públicos de emprego…).
— Realizar unha verdadeira reforma fiscal que aumente a recadación e xustiza do sistema.
— Derrogar as reformas laborais que significaron un forte transvasamento de rendas do traballo ao capital, e recuperar os dereitos laborais.
— Fortalecer a negociación dos convenios colectivos para mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras, reforzar os convenios sectoriais e garantir a ultraactividade dos convenios.
— Aumentar os salarios de maneira coherente coa fase de crecemento económico, para reactivar o consumo das familias e a creación de emprego e reducir as desigualdades e a pobreza.
— Recuperar a calidade dos servizos públicos, os servizos sociais e o emprego asociado a eles.
— Recuperar o poder adquisitivo, os dereitos laborais e o desenvolvemento do Estatuto Básico dos Empregados Públicos.
— Aumentar o salario mínimo de xeito progresivo para que alcance o 60 % do salario medio.
— Reverter totalmente a última reforma das pensións, restablecer o Pacto de Toledo e asegurar o futuro do sistema público de pensións
— Mellorar o sistema de protección por desemprego para dar protección ás persoas que carecen dela.
— Pór en marcha unha nova prestación de ingresos mínimos, como propón a iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida por UGT e CCOO, co obxectivo de lles garantir unha prestación económica a todas as persoas en disposición de traballar que carezan de emprego e de ingresos suficientes.
— Impulsar unha potente política industrial que contribúa a fortalecer o noso sistema produtivo e a xerar emprego máis estable e de máis calidade.
OUTRA POLÍTICA PARA EUROPA
UGT e CCOO consideramos que a razón de fondo da situación de estancamento da economía na UE, con risco de deflación, é a debilidade da demanda interna, atenazada polas políticas de axuste, os recortes de servizos públicos e a desvalorización dos salarios.
CCOO e UGT estamos convencidos de que para corrixir esta situación é imprescindible erradicar as políticas de austeridade e de recortes sociais, no sentido que defende e promove a Confederación Europea de Sindicatos (CES), aplicando de maneira efectiva un plan de investimentos máis ambicioso ca o denominado Plan Juncker, como o que propón a CES. Un plan para crear once millóns de empregos, flexibilizar o calendario de consolidación fiscal nos países con déficit, aplicar unha política orzamentaria e fiscal expansiva, mellorar os sistemas de protección social e a súa calidade, reducir as desigualdades e defender o sistema democrático de liberdades.
DEFENDER A DEMOCRACIA, AS LIBERDADES DEMOCRÁTICAS E OS DEREITOS
CCOO e UGT rexeitamos rotundamente a regresión de liberdades individuais e dereitos fundamentais que supuxeron a reforma do Código penal e a Lei de seguridade cidadá (lei mordaza) do Goberno do Partido Popular.
UGT e CCOO seguiremos apoiando e defendendo os case trescentos compañeiros e compañeiras sindicalistas que aínda están incursos en procesos penais ou administrativos por exerceren o dereito de folga e actuaren en defensa dos traballadores e traballadoras. Por iso, seguiremos esixindo a derrogación do artigo 315.3 do Código penal e a retirada da lei mordaza.
POLA PAZ E A SOLIDARIEDADE
CCOO e UGT, xunto coa Confederación Sindical Internacional (CSI) e a Confederación Europea de Sindicatos (CES), reclamamos este 1 de Maio:
— A retirada do TTIP (o Acordo Transatlántico para o Comercio e o Investimento entre a Unión Europea e Estados Unidos), que se negociou de maneira opaca e á marxe do diálogo social, e a non ratificación do CETA (o Acordo Integral de Economía e Comercio entre a Unión Europea e Canadá), porque supoñen unha ameaza aos dereitos económicos, sociais e laborais das clases traballadoras.
— A retirada da sinatura por parte da Unión Europea do acordo ilegal e inmoral asinado con Turquía sobre as persoas refuxiadas —que atenta contra a Declaración Universal de Dereitos Humanos, contra a Convención de Xenebra, o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, o dereito internacional dos refuxiados e refuxiadas— e cumprir co dereito de asilo e refuxio.
— A fin de todas as guerras e actuacións terroristas, e das violacións dos dereitos laborais, sindicais e civís en todo o mundo.
UGT e CCOO opinamos que a nova relación de forzas expresada polos resultados das eleccións xerais do 20 de decembro de 2015 ten que servir para satisfacer as reivindicacións e aspiracións dos traballadores e traballadoras, expresadas neste manifesto.
Este 1 de Maio debe ser unha clara expresión do xiro económico e social que demandamos a clase traballadora.
01may
mayo 2016
01may
mayo 2016