INICIANSE O LUNS OS TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DA PRAZA DA VERDURA
A Xunta de Goberno Local adxudicou onte o proxecto e xa se está organizando coas vendedoras o traslado provisional da actividade.
O pavillón mellorará instalacións e imaxe interior e exterior cun investimento de 73.020 euros.
A empresa Marco ofertou como mellora a substitución dos tubos fluorescentes por 50 puntos de luz con lámpadas led.
A Xunta de Goberno Local acordou adxudicará empresa Movimiento de Áridos de Arosa S.L. (Marconsa) as obras de acondicionamento e mellora da imaxe da Praza da Verdura. A actuación supón a realización de traballos no interior e no exterior do edificio que precisan dun orzamento de 73.020 euros que se financian a través dunha subvención da Xunta e con fondos municipais. Os traballos comezarán o vindeiro luns e se prevé que estean rematados no prazo dun mes.A actuación que se porá en marcha en breve afectará ao pavillón auxiliar construído en 1964 a carón da Praza de Abastos e que hoxe en día acolle aos postos de venta de verduras e hortalizas. Na actualidade, a imaxe e instalacións da nave quedaron bastante obsoletas, situación que salta moito máis á vista tras a primeira fase da rehabilitación e modernización do edificio histórico do Mercado.
Para equilibrar estética e funcionalmente ambas zonas, o Concello proxectou a actuación adxudicada hoxe para mellorar a imaxe exterior e interior do pavillón da verdura. Por fóra actuarase en toda a fachada, pintando tanto as paredes como a marquesiña perimetral e mantendo as zonas de mampostería ce pedra das portas principais.
Xa no interior a mellora comezará polo estragado solado que se retirará por completo para aplicar un revestimento continuo de resina de 3 milímetros de espesor, similar ao do edificio principal, e de cor gris. Tamén se revestirán os parámetros verticais con pintura especial e retiraranse as lonas publicitarias que serán substituídas por paneis de aluminio e adhesivos de vinilo coa marca da identidade corporativa de Concello e Praza de Abastos. Tamén se arranxaranse as bancadas de mármore.
A oferta de Marconsa rebaixou o prezo de licitación en 13.374 euros e ademais inclúe a mellora de substituír a iluminación interior do edificio, actualmente a base de tubos fluorescentes, por 50 puntos con lámpadas led. Esta medida, ademais de mellorar as condicións lumínicas das instalacións, tamén suporá un aforro enerxético no consumo de electricidade.
O 70% do custe do proxecto finánciase cunha subvención concedida pola Conselle´ria de Industria e Comercio da Xunta de Galicia correspondente aos fondos Feder, mentres que o 30% restante corre a conta das arcas municipais.
O Concello pretende axilizar ao máximo as melloras na Praza da Verdura. Nestes momentos estase a organizar coas vendedoras que operan no pavillón o seu traslado. O goberno pon a súa disposición varias alternativas a efectos de que se acomoden durante as semanas que duren as obras do mellor xeito posible, tanto para elas como para a súa clientela. Entre os posibles emprazamentos están a Praza da Peixería, recinto cuberto que podería acoller a todas as vendedoras; ou dividir pos postos entre o primeiro andar da Praza de Abastos, que se atopa case baleiro, e a zona exterior. Serán as propias campesiñas as que decidan entre as opcións existentes.