OS APARCAMENTOS DAS RÚAS POLAS QUE PASA A VOLTA CICLISTA DEBERÁN
QUEDAR LIBRES ANTES DAS 11 DA MAÑÁ DO XOVES
A regulación do tráfico comezará sobre as 13:10 horas para facilitar o paso da caravana organizativa
A circulación cortarase totalmente quince minutos antes da chegada dos ciclistas, sobre ás 14:45 horas
A Policía prega que se sigan as recomendacións e que se usen as rutas alternativas que estarán sinalizadas
Policía e Emerxencias coordinaron o dispositivo a realizar
Vilagarcía de Arousa, 9 de setembro de 2014.- A Policía Local xa ten preparado o dispositivo especial para o paso por Vilagarcía da Volta Ciclista a España este xoves, 11 de setembro. Para garantir o normal desenvolvemento da proba deportiva, os estacionamentos das rúas do percorrido deberán quedar libres antes das 11 da mañá nos tramos previamente sinalizados. A regulación especial do tráfico comezará sobre as 13:10 horas para proceder ao peche total minutos antes do paso dos corredores, aproximadamente a partir das 14:45 horas.
Responsables e mandos da Policía Local e Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias mantiveron esta mañá a última reunión de coordinación para o dispositivo especial que conleva o paso da Volta Ciclista por Vilagarcía. Os ciclistas entrarán en Vilagarcía por Bamio, procedente de Catoira, pasará por Carril e adentrarse en Vilagarcía pola Avenida Rosalía de Castro para continuar por Juan Carlos I e Rúa San Roque. O pelotón xirará na rotonda da Luz Salgada para tomar pola Avenida Rodrigo de Mendoza e subir por Agustín Romero para comezar o ascenso a Lobeira.
Estas son as rúas que conforman o percorrido dos ciclistas pola cidade, aínda que a restrición de aparcamentos afectarán so a algúns tramos delas. Estas zonas xa están sinalizados con valas e carteis informativos advertindo da medida e os horarios nun tramo de Juan Carlos I, noutro da Avenida Rodrigo de Mendoza á altura da illa das palmeiras e en Agustín Romero (entre a glorieta da Mariña española e o cruce con Matosinhos).
Retirada pola grúa
Os estacionamentos deberán estar completamente despexados nestas zonas antes das 11 da mañá. A partir desa hora, os vehículos que permanezan nestes puntos serán retirados pola grúa.Segundo as previsións da organización da Volta, a regulación especial do tráfico iniciarase ao redor das 13:15 horas con motivo do paso da caravana que acompaña á Volta Ciclista. Nese momento poranse os semáforos en ámbar intermitente e a Policía regulará os cruces principais. O tráfico permanecerá aberto pero darase prioridade aos vehículos da caravana tan pronto cheguen, a efectos de que pasen de forma continuada e o máis rápido posible.
Regulación e corte do tráfico
O tráfico non se pechará na súa totalidade polas rúas do percorrido ata uns 15 minutos antes de que empecen a chegar os corredores. Aínda que a previsión da organización é que a entrada en Vilagarcía se produza sobre entre as 14:59 e as 15:07 horas, a hora podería variar en función da velocidade á que vaia transcorrendo a proba. Así, sobre as 14:45 pecharanse todos os accesos as rúas incluídas no percorrido da Volta.Para evitar problemas, a Policía prega a máxima colaboración de veciños e condutores. Solicítase aos veciños das rúas afectadas que non saquen ou intenten acceder aos garaxes destas zonas durante o prazo establecido e que eviten circular por elas dende as 13 horas para facilitar o paso da caravana.
Circunvalacións e desvíos alternativos
Tamén se recomenda que, na medida do posible, fagan uso de rutas alternativas polas rúas paralelas ou que fagan uso das circunvalacións. A Policía colocará paneis de advertencia nas entradas ás circunvalacións sur e norte (no vial portuario na rotonda do Rial, na de Pablo Picasso e na de Santa Mariña; e na norte na glorieta da gasolineira de Carril).A Policía tamén sinalizará desvíos complementarios do tráfico para aqueles condutores con destinos paralelos ás rúas polas que pasa a Volta, como por exemplo dende Rivero de Aguilar a Moreira Casal, Vila Janer, López Ballesteros e A Torre.
Por último, prégase que se atendan as instrucións dos axentes da Policía Local e dos membros do Servizo Municipal de Emerxencias que serán os encargados de controlar o tráfico e garantir as medidas de seguridade durante o paso da Volta Ciclista.