A ADXUDICATARIA COMUNICA QUE O ASFALTADO DE ROSALÍA DE CASTRO PROLÓNGASE ATA O MARTES
Hoxe rematarán o fresado e nivelación do tramo comprendido entre O Ramal e a Praza da Constitución. Entre o luns e o martes, sempre que non chova, prevén botar a capa de asfalto
Utilizarán unha emulsión asfáltica denominada slurry que é antideslizante e que aporta impermeabilización á calzada
Prégase a maior comprensión e colaboración de veciños e condutores en xeral
Vilagarcía de Arousa, 5 de setembro de 2014.- A empresa Taboada e Ramos comunicou esta mañá ao Concello que os traballos de acondicionamento do firma da Avenida Rosalía de Castro aínda se prolongarán ata o martes, 9 de setembro. O novo prazo manexado pola adxudicataria da obra contratada pola Xunta de Galicia supón un inesperado inconveniente para a administración local, por ter que manter durante máis días o corte parcial do tráfico nunha das principais arterias de comunicación da cidade, aínda que, dado o mal estado no que se atopaba a vía, o goberno local considera que é preferible soportar uns días máis a situación para garantir a perfecta execución da obra.
O asfaltado dos 3 quilómetros que separan a rotonda de acceso á circunvalación norte en Bamio ata a Praza da Constitución comezou o pasado luns e a previsión inicial da empresa era realizar os traballos en dúas xornadas. A avaría de dúas máquinas o luns pola tarde e a rotura dun colector do saneamento o martes, impediron cumprir o prazo e demoraron as labores que, nun segundo cálculo, esperaban ter rematado na noite de hoxe. Esta previsión tampouco se cumprirá xa que, segundo o comunicado remitido hoxe por Taboada e Ramos, serán necesarias dúas xornadas máis para poder completar os traballos con garantías. Isto é, o luns e o martes da vindeira semana.
A adxudicataria comenta que ao remate da xornada de hoxe está previsto concluír o fresado, nivelación e preparación do firme do tramo da Avenida Rosalía de Castro comprendido entre a rotonda do Ramal e a Praza da Constitución, enlazando deste xeito coa actuación realizada a semana anterior por Fomento na Rúa Juan Carlos I.
Segundo este planing, o luns dedicaríase a botar a capa de asfalto nun dos carrís da circulación e o martes no outro. O material que se utilizará para o asfaltado é unha emulsión asfáltica denominada slurry que aporta á calzada uniformidade e unha maior impermeabilidade ademais de ser antideslizante. Para usar este material foi preciso acondicionar antes o firme, nivelando as zonas afundidas ou máis deterioradas. O slurry só se pode botar co firme seco, polo que en caso de chover, habería que esperar a que a calzada secase para poder continuar a obra.
Unha vez rematado o tratamento coa emulsión asfáltica, deberán deixar pasar 15 días para proceder ao pintado da vía, xa que o material ten que compactar axeitadamente e os poros deben pecharse para que a pintura fixe axeitadamente. Entre tanto, a vía quedará punteada a efectos de guiar a condución.
O Concello prega a maior comprensión aos veciños ante as demoras que está a sufrir esta necesaria obra debido aos imprevistos xurdidos, e solicita a total colaboración dos condutores para que, na medida do posible, usen as circunvalacións para evitar a Avenida Rosalía de Castro. Igualmente, reitérase ás empresas portuarias que se absteñan de circular pola vía en obras.