O TALLER DE IDEAS DE XUVENTUDE CELÉBRASE MAÑÁ POLA TARDE NO AUDITORIO
Trátase dunha iniciativa do programa Iniciativa Xove para promover proxectos emprendedores de participación xuvenilÉ unha actividade aberta a todos os interesados
Vilagarcía, 4 de abril de 2014.- A Concellería de Xuventude segue organizando actividades de cara ao fomento da actividade xuvenil e da formación e inserción no mercado laboral deste sector. Neste marco, o departamento que dirixe Sandra García desenvolve a partir das 18:00 horas de mañá, sábado 5 de abril, no Auditorio un Taller de Ideas incluído no programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Trátase dun acto aberto a todo o público interesado e de participación gratuíta.
O Taller de Ideas "Cara o emprendemento desde a participación- Fai que a túa idea funcione" pretende ser unha ferramenta de traballo sobre proxectos de participación xuvenil en grupos reducidos enfocados a mozos e mozas e entidades de carácter xuvenil xa decididos á presentación de propostas no marco do programa Iniciativa Xove ou outros similares, ou que ben xa teñan concorrido noutras convocatorias e busquen mellorar as súas competencias en canto a redacción e execución de proxectos. O plantexamento metodolóxico é eminentemente práctico, buscando o traballo en equipo e o intercambio de ideas entre os asistentes introducindo unha breve exposición teórica ao inicio da sesión.
No taller explicarase a estrutura que debe seguir unha iniciativa emprendedora e participativa, as pautas para pasar do proxecto en papel a súa execución na realidade, a necesidade de establecer cronogramas para planificar os prazos de realización e tamén se animará aos asistentes a liderar os seus propios proxectos desenvolvendo as ideas que teñan. Ademais, na actividade explicarase en que consiste a participación xuvenil e se comentarán os obxectivos e iniciativas do programa Iniciativa Xove.
O Taller de Ideas está aberto á participación do público en xeral, aínda que vai especialmente dirixido a entidades xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude, grupos de mozos e mozas, colectivos interesados en levar a cabo proxectos de participación xuvenil e técnicos municipais.