A PARTIR DAS 20H DO VENRES
vídeo do ano pasado, resistíndo diante da fábrica |
A partir das 20:00 horas os vehículos deberán utilizar as circunvalacións entre as rotondas do Rial e Pablo Picasso
Realizaranse outros desvíos ao longo do percorrido, a medida que avance a mobilización
A Corporación asistirá de xeito institucional á mobilización
Vilagarcía, 10 de abril de 2014.- A manifestación en defensa de Cuca convocada para mañá pola tarde obrigará a cortar ao tráfico o tramo da Avenida de Cambados que une Vilaxoán con Vilagarcía. Dado que se trata dunha das principais vías de comunicación da cidade e ao coincidir co horario de saída de traballo e inicio da fin de semana, a Policía Local aconsella que se eviten realizar desprazamentos en coche a partir das oito da tarde, hora á que arranca a manifestación dende Vilaxoán, e que se utilicen as vías de circunvalación.
A manifestación en defensa da actividade de Cuca e dos postos de traballo da emblemática conserveira de Vilaxoán partirá ás 20:00 horas de diante das naves de Cuca, na Rúa Víctor Pita. Os primeiros cortes de tráfico iniciaranse minutos antes para facilitar a concentración das persoas e afectarán ao centro de Vilaxoán dende Valle Inclán ao Preguntorio. A manifestación emprenderá o camiño polo centro de Vilaxoán (Avelina Nogueira, Bouza de Abaixo, Praza Rafael pazos e Vázquez leis) para conectar coa Avenida de Cambados á altura dos semáforos da igrexa. A partir dese momento pecharase ao tráfico a Avenida de Cambados dende O Rial.
Candos os manifestantes rebasen a rotonda de Pablo Picasso, abrirase a Avenida de Cambados ao tráfico e quedará pechado o tramo entre o enlace ao Porto e a Glorieta da Mariña Española, que volverá a abrirse cando a mobilización se entre no casco urbano da cidade a través da Rúa Vista Alegre e das zonas peonís de Castelao e Praza de Galicia.
Os últimos cortes de tráfico realizaranse no centro da cidade ao estar previsto que a manifestación prosiga por Padre Feijoo, Praza da Independencia, Gumersindo Nartallo e Juan Carlos I para rematar na Praza de Ravella. A Policía calcula que a concentración final ante o Concello producirase ó redor das 23:00 horas. No tempo que dure o acto final tamén terá que desviarse o tráfico entre a Avenida das Carolinas e a rotonda do Ramal.
A Policía prega a maior colaboración por parte dos condutores, que se evite coller o coche entre as 20:00 e as 23:00 horas e que os desprazamentos necesarios se realicen utilizando as vías de circunvalación.