FÚTBOL GAÉLICO, DEPORTE EN AUXE ENTRE OS GALEGOS
Pero... que é o fútbol gaélico?
O fútbol gaélico é o deporte do futuro en Galiza, un deporte de orixe celta, gaélico, irlandés para sermos máis precisos. Tras explicar brevemente as normas moitos din “bah, unha invención de agora”; pois non! Para nada, de feito é anterior, e moito, ao fútbol británico ao que estamos afeitos.O fútbol gaélico é un deporte nacido en irlanda fai máis de 400 anos, onde a GAA (Gaelic, Athletic Association) data de 1884 e que pode presumir duns valores mantidos ata hoxe en día dos que poucos deportes (se é que os hai) poden facelo.
En canto aos valores imos destacar somentes dous
É un deporte onde prima a sana rivalidade: Obviamente, hai rivalidade, sen rivalidade non existe o deporte de competición, pero coma no Rugbi no fútbol gaélico celébrase o “terceiro tempo” onde os equipos que se acaban de enfrontar comparten un refresco e esquecen o que pasou no campo.Ademais é un deporte amateur: E non por necesidade coma outros, senón por filosofía. Nos deportes gaélicos (principalmente Fútbol e Hurling) non se permite que os xogadores cobren, é un deporte no que xogas porque che gusta xogar, porque o pasas ben, e non para facer negocio. En Irlanda, a meca do gaélico e onde é o deporte rei os equipos enchen habitualmente estadios de 40.000 persoas e de 80.000 nas fianais e os seus xogadores o Luns pola mañá fichan na oficina ou na fábrica.
Pero como se xoga a iso? Aínda que se adoita explicar como unha mestura de fútbol británico e rugbi o deporte é moito máis complexo (ademais de ser anterior).
Normas básicas:
Anotación: Para o xogo de calquera deporte de pelota o primeiro que hai que saber é como anotar, no fútbol gaélico xógase con porterías en forma de H de xeito que se anotas por baixo do longueiro anotarás un gol sumando 3 puntos para o teu equipo e se anotas por riba do longueiro anotarás un tanto sumando 1 punto para o teu equipo.Condución do balón: O balón de fútbol gaélico, un esférico algo máis pesado ca un de fútbol británico pódese conducir co pé (sen límite) ou coa man onde xa teremos certas limitacións; só poderemos conducir o balón 4 pasos sen soltalo da man, tras isto deberemos pasar, botar ou facer un “solo”. Un “solo” consiste en soltar o balón da man e recuperalo tras darlle un toque co pé. Ademais se o balón está no chan non poderemos collelo coa man, senón que para levantalo teremos que picalo ao pe.
Defensa: Este é un deporte dun forte contacto onde para recuperar o balón que posúe un rival teremos dúas vías (ademais de interromper un pase ou un tiro) que son a placaxe (sempre entre ombreiros, pero con potencia) ou tratar de desposuír ao rival do balón golpeando este cando está en posesión dun rival (sempre cunha soa man e aberta).
Está claro que así explicadas as normas poden resultar un pouco complicadas, para isto o mellor é velo.
vídeo1
vídeo2
vídeo3
Modos de xogo: En Irlanda no fútbol gaélico xógase con 15 xogadores por equipo, claro que teñen campos de case 150 metros por 90 de ancho. Aínda que hai modalidades nas que se xoga con 7, 9 ou 13 xogadores a máis extendida na Europa continental é a modalidade de 11vs11 nas que nos adaptamos por necesidades aos campos ben de “soccer” ben de rugbi nos que cada equipo anfitrión pode xogar dado que, salvo na illa verde, o fútbol gaélico aínda é un deporte minoritario.
E por qué nos interesa agora todo isto? Porque se ben é minoritario (e descoñecido) está a ter un auxe máis ca considerable en certos lugares de Europa, e un deses lugares é Galiza. No noso país o fútbol gaélico está pasando do máis absoluto descoñecemento en toda a poboación a soar, a saber que é e en certas vilas a ser mesmo un referente.
O fútbol gaélico aparece por primeira vez para nós en 2010 na Coruña coa creación dos Fillos de Breogán aínda que para xogaren tiñan que desprazarse a Madrid, Barcelonae e Valencia onde existen outros equipos deste deporte. Tras case tres anos de andaina a finais de 2012 comeza case unha revolución coa creación dos Irmandinhos A Estrada e cos primeiros pasos que se consolidan a comezos de 2013 dos Mecos FG Ogrobe na nosa mesma comarca.
http://mecosfg.tk/
https://www.facebook.com/mecos.gaa
https://www.facebook.com/mecasfg
https://twitter.com/MecosFG
Nese mesmo ano créase a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) o primeiro paso para o que algún día será a federación; que leva a cabo a primeira Liga Galega de Fútbol Gaélico na modalidade de 7 xogadores na que participan 5 equipos Fillos de Breogán, Ártabros de Oleiros (un segundo equipo dos fillos que de teren xogadores abondo ben se poderían separar), os Irmandinhos os Bráithreachas (tamén un segundo equipo da Estrada) e os Mecos.
Máis adiante a AGFG logra que a GAA a recoñeza como órgano oficial para o territorio galego e oficializa a selección galega. Mentres tanto séguense a crear equipos, un en Pontevedra e outro en Santiago (Pontevedra FG e Estrela Vermelha) que xa participan na II Liga Galega de Fútbol Gaélico (2013-14) esta vez na modalidade a 11 xogadores.
http://gaelicogalego.tk/
https://www.facebook.com/AsociacionGalegadeFutbolGaelico
https://twitter.com/GaelicoGalego
E as mulleres? Non xogan? Pois si, e aínda que están un paso por detrás dos equipos masculinos os femininos tamén teñen o seu espazo. Fillas de Breogán, Irmandinhas e Mecas son unha realidade que agardaron un ano máis ca os seus compareiros varóns para facer a súa primeira liga que se desputa na presente tempada, e aínda que só hai 3 equipos botaron para adiante esta competición e agardan ter máis equipos nun futuro non moi lonxano.
Para o futuro: O futuro sempre é incerto, mais neste caso é ilusionante dado que hai proxectos noutros puntos da nosa xeografía que poderían acadar unha liga bastante completa. Bastante encarrilados están os proxectos do Compostela FG e o dos Estibadores de Vigo, que mesmo poderían competir na III LGFG ou mesmo na Copa Galega en 2014 nesta mesma tempada que probablemente se desputará a finais de Maio.
Noutros puntos da nosa xeografía existen proxectos que están aínda máis verdes, pero que dende a AGFG se apoiarán cando sexa necesario coma os de Betanzos, Ferrolterra, Valdeorras e Vilagarcía. Si, Vilgarcía tamén ten un proxecto, o do Marítimo así que xa sabes.
http://maritimofg.tk/
https://www.facebook.com/maritimofg.vilagarcia
https://www.facebook.com/maritimo.fg
https://twitter.com/MaritimoFG
edita: Anxo López Val
MecosFG Ogrobe