A BIBLIOTECA CONMEMORA O DÍA DO LIBRO CUN CONTACONTOS ABERTO A TODO O PÚBLICO O MÉRCORES POLA TARDE
O grupo Pavís Pavós relata contos tradicionais e historias de nova creación no espectáculo titulado "Contos que deixan pegada"
Durante todo o mes, rede bibliotecaria municipal desenvolveu diversas actividades dentro do programa "Abril, mes do libro"En maio volve o Caracol Sol Sol coa campaña de animación á lectura
Vilagarcía, 21 de abril de 2014.- A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro conmemora o mércores, 23 de abril, o Día do Libro, cun espectáculo de contacontos gratuíto e aberto a todo o público e que se desenvolverá nas instalacións da Rúa Rey Daviña a partir das 18:00 horas. Este espectáculo inclúese no programa de actividades de animación á lectura que leva por título "Abril, mes dos libros" e que sen están a desenvolver este mes na Biblioteca e nas Axencias de Lectura de Bamio, Carril e Vilaxoán.
Para conmemorar o Día do Libro, a Biblioteca programou unha sesión de contacontos, subvencionada pola Xunta de Galicia, a través do Programa "Ler conta moito" e que leva por título, "Contos que deixan pegada", espectáculo realizado por Pavís Pavós.
Trátase dunha sesión de contos que combina historias tradicionais e outras de nova creación que transmiten valores dun xeito lúdico sen caer no didactismo, afastándose de moralismos e convencionalismos pero coidando sempre a esencia do que debe ser un conto, relatado a través das emocións e para goce dos oíntes. Son contos que falan das diferenzas sociais, da homofobia, do racismo, do machismo, das desigualdades..... sempre dende un punto de vista desenfadado e divertido pero que poden deixar pegada en quen os escoite.
Haberá contos no que a voz e a expresión dos contadores será o único elemento e outros nos que se amose o libro para que os oíntes poidan ademais gozar das ilustracións e especialmente para que o máis pequenos reafirmen o que xa saben, que a biblioteca está chea de libros que conteñen fermosas historias ás que eles poden acceder de xeito fácil e gratuíto.
Pavís Pavós
Pavís Pavós fundouse como grupo de contadores de contos para público infantil no ano 1996 en Pontevedra. Traballa principalmente en Galicia centrando o seu labor na recuperación da oralidade e na maneira tradicional de contar contos. Ademais investiga e recupera as formas orixinais dos contos clásicos que foron en moitas ocasións modificados.
A súa formación arrancou nos cursos impartidos pola Aula de Teatro Universitario de Pontevedra, onde decidiu agruparse e completar a súa formación con diversos cursos por todo o Estado.
Ademais de contos tradicionais, Pavís Pavós tamén inclúe nos seus espectáculos contos de nova creación e con formatos contemporáneos.
Obradoiro e reparto de marcapáxinas
Como xa se fixo o día 2 de abril, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, a Biblioteca Rosalía de Castro, repartirá marcapáxinas entre ou usuarios que acudan ao centro este mércores, Día do Libro. Así mesmo, ao longo do mes, realizarase un obradoiro de creación de marcapáxinas, nas instalacións da sala infantil, para todos os nenos e nenas que desexen participar.
Campaña de fomento á lectura
Como en anos anteriores, a Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Vilagarcía de Arousa tamén realiza por estas datas a Campaña de Fomento da Lectura destinada a nenos e nenas do municipio. A campaña vai dirixida ós escolares de 1º curso de primaria dos colexios de Vilagarcía e ten como obxectivo incentivar e animar á lectura os máis pequenos. Trátase, pois de propiciar a relación dos nenos e nenas cos libros así como dar a coñecer as bibliotecas da rede ós escolares do municipio e fomentar así o seu uso.
Esta campaña ten como epicentro a actividade titulada "A Hora do Conto" e que protagoniza o Caracol Sol-Sol. Esta personaxe, que vive na biblioteca, recibirá aos escolares que visitarán durante abril e maio as instalacións da Biblioteca, contaralles un conto e realizará con eles actividades relacionadas coa historia relatada (xogos, cancións, globoflexia, debuxos, etc.) coa finalidade de potenciar a imaxinación, creatividade, cooperación, etc.
A Hora do Conto desenvolverase tamén nas Axencias de Lectura de Bamio, Carril e Vilaxoán.